Logo Agenda 2030 de Desarrollo Sostenible

Non deixar ninguén atrás, transformar o noso mundo

Nestes días escoitamos distintas personalidades políticas pronunciar a frase «non deixar ninguén atrás», unha frase emblemática da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible e que adquiriu maior forza coa pandemia por Covid-19. Foi en setembro de 2015 cando os 193 países membros de Nacións Unidas, incluído España, adoptaron a Axenda 2030 como marco para o benestar de todas as persoas e o coidado do planeta. Unha axenda, con 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, que supón o compromiso internacional para facer fronte aos retos sociais, económicos e ambientais da globalización, pondo no centro as persoas, o planeta, a prosperidade e a paz.

A crise sanitaria á que nos enfrontamos (e que vén acompañada dunha crise económica) aféctanos a nivel mundial, pero, nun mundo desigual, as poboacións máis empobrecidas son as que levan a peor parte. Cando venzamos a Covid-19 en España, noutros países estarán en plena loita e con menos recursos médicos, menos prestacións laborais e ata menos posibilidades de lavar as mans por non contar con auga corrente. Non podemos «deixalos atrás».

Nestes días escoitamos tamén a frase «volver á normalidade» e, no canto desta frase, queremos pór a forza no lema da mencionada Axenda 2030, un lema que di «Transformar o noso mundo». Non podemos volver a un modelo de produción e consumo que destrúe a biodiversidade e xera o quecemento global, non podemos volver a un modelo que pon o mercado no centro no canto de pór o coidado das vidas no centro, non podemos volver a un modelo individualista que non defende a saúde e a educación como bens públicos, non podemos volver a un modelo no que os dereitos humanos se ven vulnerados cada día, non podemos volver a un modelo no que as mulleres sofren discriminación e violencias polo feito de selo.

«Transformar o noso mundo» é o lema da Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible e coincide co noso compromiso como Rede Transforma de Comunidades Educativas para a Cidadanía Global. Agora máis ca nunca, tócanos, nas nosas aulas, nos nosos centros, seguir a promover unha cidadanía global crítica, responsable e comprometida, a nivel persoal e colectivo, coa transformación da realidade local e global para construír un mundo máis xusto, máis equitativo e máis respectuoso coa diversidade e co medio, no que todas as persoas poidamos desenvolvernos libre e satisfactoriamente.

Grazas por ser parte da Rede Transforma.



Este sitio web utiliza cookies para mejorar la experiencia del usuario. Al continuar navegando aceptas su uso. Más información

ACEPTAR
Aviso de cookies