A realidade escolar e a Pedagoxía dos coidados

A realidade escolar interpélanos

Nos últimos anos, puxéronse en evidencia tres realidades que, malia seren palpables, eran invisibles para a maioría dos seres humanos. A primeira, que a vida humana e a vida no planeta son só posibles nun tramado de interdependencias de ecosistemas no que as posibilidades de supervivencia dos seres humanos, coma as de calquera especie do planeta, están intimamente vinculadas co resto. Esa interdependencia posibilita a harmonía biolóxica e social do noso vivir, en tramados infinitos de cooperación, coidado e solidariedade. A segunda, que os seres humanos afectamos de forma definitiva este tramado de interdependencias ao activaren dinámicas de «desenvolvemento» depredadoras, mercantilistas e contaminantes, baixo o criterio equívoco de que a natureza está ao servizo dos seres humanos e debe ser dominada por eles. A terceira, que esta visión de relacións depredadoras e dominantes, que non son só dos seres humanos cara á natureza, senón tamén entre os seres humanos, levou á creación de guerras, pobreza, escravitudes, discriminacións e violencias de diverso tipo.

Estas tres realidades xeran desafíos en diversos campos da vida humana. No eido educativo, os desafíos son moitos. Algúns deles poden ser expresados en preguntas deste tipo: como se deben socializar as crianzas, adolescentes e mozos/as neste sistema dominador-depredador para que non se reproduza esta perspectiva, senón, pola contra, unha na que predomine a solidariedade, o coidado mutuo, a cooperación e, en definitiva, o amor entre os seres humanos?; como posibilitan as formas de socialización desta nova perspectiva coidadora e cocreadora da vida, ao ser comunicada e promovida nestas novas xeracións, o xurdimento dun novo paradigma que penetre na sociedade, a familia, a escola e cada ser humano?; que estratexias e tácticas debemos impulsar para que sexa posible a socialización neste novo paradigma nas institucións educativas, de tal forma que se transformen os xeitos de xestionar o educativo, o currículo, o coñecemento, as relacións na escola?

 

A realidade escolar interpélanos aínda máis

Neste momento, é posible constatar unha crise no sostemento da vida humana e non-humana que se reflicte no cotiá, na rúa, na familia, na sociedade e, de maneira especial, na escola. Porque resulta que, aínda que en moitos contextos esta responde á lóxica capitalista, pode ser un lugar privilexiado polas posibilidades de transformacións curriculares (ademais de na familia) para a educación moral e ética da nenez e a xuventude. Isto posibilitaría aprendizaxes cara á convivencia non-violenta, o respecto da vida en todas as súas manifestacións e o seu desenvolvemento integral.

Unha das manifestacións desta crise no sostemento da vida, e que penetra fondamente na escola, é a desigualdade nas relacións de xénero reflectida na «visión androcéntrica da cultura, da súa transmisión nos usos familiares e nos currículos escolares; esta visión xerou e está a xerar humillacións, violencia contra as mulleres, guerras nos pobos e entre Estados, subordinación e minusvaloración do considerado feminino» (Vázquez, Escámez e García, 2012, p. 10).

Evidencia disto son os resultados de diversas investigacións na escola, entre elas a realizada polo Instituto para a Investigación Educativa e o Desenvolvemento Pedagóxico (IDEP). Nesta amósase, entre as diversas contradicións e paradoxos da cultura escolar, que «a escola imparte, a través de imposturas e discursos nos espazos institucionais visibles, unha educación para a igualdade dos sexos, mentres que nas dinámicas cotiás promove unha educación sexista». Así o reflicten os resultados das enquisas realizadas a mozos e mozas de educación secundaria de cinco institucións educativas do ámbito público en Bogotá (Colombia), nas que se vincula o feminino coa submisión, a delicadeza e o servilismo fronte aos homes e os ideais masculinos. Tamén reflicten que a mocidade segue a valorar acriticamente o rol tradicional da muller-obxecto, do ser decorativo e reprodutor da especie.

As mozas entrevistadas tamén xulgan duramente a aquelas que se queren afastar destes roles femininos convencionais, censurando agudamente os seus afáns de cambio, porque aprenderon a rexeitar aquelo que o sistema lles sinala como algo perigoso e antinatural. Por último, nesta investigación evidenciouse a existencia dun grupo de adolescentes entrevistadas que exercen unha «brumosa» (e, ás veces, mal entendida) identificación das posibilidades de equidade entre ambos os sexos buscando unha pretendida igualdade cos homes pola vía da imitación dos seus comportamentos máis deplorables.

Ao mesmo tempo, e de forma paralela, obsérvase que só unha minoría das estudantes constrúe representacións progresistas de xénero, manifestadas estas nun aberto autorrecoñecemento de carácter positivo da súa condición de mulleres e do novo rol que deben xogar como tales. Igualmente, ponse de manifesto que unha cantidade pequena, mais esperanzadora, de mozos entrevistados amosa unha construción de valoracións positivas da muller e, en particular, das súas compañeiras de estudo.

En relación coas representacións do masculino, atopáronse dúas tendencias: unha, maioritariamente tradicional, e outra, minoritaria de carácter progresista. A primeira tendencia amosa representacións cuxa orientación básica desvela unha permanencia dos valores patriarcais. Para este grupo, ser masculino presenta características como ser forte, prepotente e camorrista. Estes mozos distáncianse de roles amables e receptivos por temor a seren catalogados como «maricas» ou covardes. As adolescentes, malia que na súa maioría predominan valoracións tradicionais e terminan considerando de xeito determinista que «así son os homes», si establecen algunhas distincións nas que cuestionan os comportamentos agresivos destes. Por outra banda, unha pequena cantidade das e dos adolescentes considera que os homes deberían ser tenros, cariñosos, comprensivos… (Piedrahita e Acuña, 2008, p. 15 e ss.).

Os resultados desta investigación poñen en evidencia que, nestas cinco institucións educativas, como seguramente en moitas outras en distintos lugares do universo, teñen preponderancia os sistemas patriarcais que, ademais de seren formas de pensar o mundo e a quen o habita, se materializan en normas, estruturas sociais, formas de relacionarse e prácticas violentas que poñen as mulleres, e a todos aqueles grupos e persoas que se saian do seu esquema, en condición de desigualdade para o seu desenvolvemento na vida social. Unha destas formas violentas é o fomento de prexuízos que son interiorizados e replicados (Giddens, 1991) mediante «o pensamento estereotipado no que se utilizan categorías ríxidas e inflexibles a partir das que se outorga sentido ao mundo e ás persoas» (Palacios, 2015, p. 75).

Estes resultados tamén poñen en evidencia que cómpre volver, unha e outra vez, sobre o paradigma de xénero que abriu a posibilidade de cuestionar as bases biolóxicas dos comportamentos masculinos e femininos, e entendelos como produtos culturais. Aínda máis, diversos intelectuais como Judith Butler, Gayle Rubin, María Lugones e Michel Focault chegan a afirmar que o sexo, o xénero e o desexo son construcións históricas, políticas, sociais e culturais que non están determinadas pola bioloxía. De aí que sexa un imperativo deste momento destacar unha mirada relacional que busque superar as dicotomías que infravaloran as actividades femininas como natureza e cultura, traballo e familia, público e privado. E entender que a vida, as súas condicións e situacións son transformables cara ao «benvivir» de se construír desde a igualdade, a equidade e a xustiza.

Daquela, que facer na escola?; como pór en evidencia a contradición que supón que se promovan discursos sobre a igualdade dos sexos, mentres se teñen dinámicas sexistas no cotiá?; como posibilitar cambios e fondas transformacións na cultura escolar que afecten ás formas de pensar, sentir e actuar dos adultos, primeiro, e das crianzas, adolescentes e mozos/as, despois?; como pór en evidencia os estereotipos, como unha construción social e cultural que pode e debe ser transformada, que promoven unha división do traballo en función do sexo a partir da desigualdade social e económica entre os sexos?; como facer congruente a acción da escola co verdadeiro e orixinal significado da educación de facer aflorar e producir o crecemento de potencialidades innatas do ser humano, máis aló de preconcepcións sobre o que é ser home ou ser muller.

 

Una opción: la Pedagogía de los cuidados

 

Unha opción: a Pedagoxía dos coidados

Posibilitar na escola un novo paradigma na relación entre os sexos, que se afaste do androcentrismo e o patriarcado supón considerar o feminino e as prácticas do feminino como parte do humano e do cidadá. Unha das prácticas de maior preponderancia asignada ao feminino é o coidado, considerado como o centro da súa tarefa nas sociedades patriarcais.

Ao coidado propio, ao coidado dos outros, do outro, non se lle asigna visibilidade, valor nin relevancia na sociedade, seguramente porque foi asignado como tarefa feminina. Isto trae necesariamente como consecuencia que non se entenda o coidado como parte do netamente humano, como parte das tarefas con carta de cidadanía e de relevancia no público, e ademais ensombrece a consciencia da interdependencia e a vulnerabilidade que fai posible a vida.

Así que, comprender que o coidado dun mesmo, dos outros e outras, e do outro é tarefa da humanidade no seu conxunto, nos permitirá avanzar como sociedade, como tramado de ecosistemas de seres vivos, e de xeito moi especial no valor asignado ao coidado da vida como ben público. Para posibilitar este avance, será daquela necesario abrir paso a unha nova pedagoxía que posibilite aprender a coidar, valorar o coidado, valorar a quen coida e aprender a coidarse e a ser coidado.

Luz Elena Patarroyo López

 

PODES REMATAR DE LER ESTE ARTIGO EN CASTELÁN NA PUBLICACIÓN:
VV.AA (2018): La Pedagogía de los Cuidados. Aportes para su Construcción. Bilbao. InteRed.

 



Este sitio web utiliza cookies para mejorar la experiencia del usuario. Al continuar navegando aceptas su uso. Más información

ACEPTAR
Aviso de cookies